Tuesday 14 de May de 2024

O alumnado de Malpica baixa ás praias e coida o noso medio de man do proxecto ‘Aprende a través do surfing’


• As actividades, subvencionadas polo Concello e a Deputación da Coruña, están impartidas pola escola malpicá One Surf Academy e prolongaranse durante as vindeiras semanas.

• Nelas participa o alumnado do CEIP Rodríguez Otero, do CEIP Milladoiro e do IES Urbano Lugrís.

Arredor de 60 alumnas e alumnos de Malpica coñecerán o surf e os seus valores de preto grazas á iniciativa ‘Aprende a través do surfing’. As actividades presenciais, subvencionadas polo Concello e a Deputación da Coruña, comezaron este xoves e prolongaranse durante as vindeiras semanas.

A rapazada do CEIP Rodríguez Otero de Buño, do CEIP Milladoiro de Malpica e do IES Urbano Lugrís de Seaia poderá achegarse á disciplina deportiva de man da malpicá One Surf Academy, que está a cargo do programa. Este xoves e cunhas boas condicións no mar comezaron a traballar nas praias do concello co primeiro grupo do Milladoiro.

Se a climatoloxía o permite, o alumnado deste centro seguirá participando nas actividades o 24 e o 25 de maio, mentres que o Rodríguez Otero e o Urbano Lugrís desenvolverán o programa no mes de xuño.

O obxectivo desta iniciativa, que promove a Federación Española de Surfing e a entidade Surf and Clean en diferentes municipios de Galicia, é concienciar á sociedade sobre o respecto ó noso medio comezando pola parte máis nova da poboación.

Desde o goberno local destacan a importancia “de accións formativas deste tipo para que as nosas praias, os nosos montes e o noso entorno estean nas mellores condicións posibles”. “Todo comeza nas mozas e mozos de Malpica, e precisamente por iso temos que seguir esta liña educativa”, explicaron.